NO EDIFICIO MULTIUSOS
Melide acolle unha campaña sobre a incidencia da TDT e o apagón analóxico
24/11/2008
O encargado de explicar o proceso de apagamento analóxico aos municipios será o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias. A charla será aberta o público, no Edificio Multiusos de Melide, este martes ás 20.00 h.
A Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta e o operador público de telecomunicacións Retegal comezan mañá unha campaña informativa para achegar a Televisión Dixital Terrestre aos concellos galegos nos que primeiro se levará a cabo o encendido dixital, e que se atopan preto doutras zonas nas que se producirá a transición á TDT nos próximos meses.
A primeira das citas será mañá martes ás 20 horas no concello de Melide, e contará coa participación do director xeral de Comunicación Audiovisual e conselleiro delegado de Retegal, Manuel José Fernández Iglesias, e a alcaldesa de Melide, Socorro Cea.
No mes de decembro, celebraranse outras seis charlas-coloquio sobre a incidencia e as consecuencias do encendido dixital e sobre as previsións do apagamento analóxico en xullo de 2009. Así, despois de Melide chegará a quenda de Noia, Muxía, Verín, Silleda e Vedra.
Nas charlas-coloquio está previsto que participen todos os concellos afectados de cada zona, así como os axentes do sector, administracións locais, radiodifusores, instaladores, comunidades de veciños e cidadanía en xeral. Baixo o lema 'Imos por diante', a campaña busca explicar a todos os cidadáns como recibir a TDT nas súas vivendas, así como o anticipo que está a desenvolver o Executivo autonómico no referente ao encendido dixital.
Encendido dixital
Segundo informa a Xunta nun comunicado, o encendido dixital realizarase antes de finais de ano nas demarcacións de Ourense Leste e Santiago ata acadar o 98,5% de cobertura e con seis meses de adianto sobre as datas marcadas polo Ministerio.
Co encendido de Ourense Este e Santiago, entre decembro e xuño de 2009, convivirán ambas as tecnoloxías, a analóxica e a dixital, ata o momento do apagado. Ata xuño de 2009, a Secretaría Xeral de Comunicación e Retegal encargarase de completar a cobertura con encheocos e conseguir así o acceso universal á TDT no caso do múltiplex autonómico, que inclúe a TVG e dúas privadas de ámbito galego.
O acto de Melide sobre o apagón analógico celebrarase no Edificio Multiuosos ás 20h, e será aberto a toda a cidadanía. O moderador da charla será o xornalista melidense Manuel Pampín.