INFORMACIÓN MUNICIPAL
O Concello de Melide edita O Cruceiro, revista de información municipal
27/08/2008
A publicación, que esta semana está chegando a todos os domicilios de Melide, recolle proxectos desenvolvidos polo equipo de goberno neste primeiro ano de mandato e tamén liñas de traballo futuras.
Ao longo desta semana os veciños e veciñas de Melide están a recibir nas súas casas a nova revista municipal que vén de editar o Concello. Baixo o nome de O Cruceiro, o equipo de goberno fai balance deste primeiro ano á fronte da xestión local de Melide, e avanza tamén algúns dos proxectos futuros.
O equipo de goberno distribuíu esta revista a todas e cada unha das vinte e seis parroquias que integran o Concello de Melide, a fin de achegar “unha ferramenta de comunicación e de información sobre o traballo do equipo de goberno”.
A revista municipal conta ademais cun espazo de opinión para os tres grupos políticos que integran a corporación municipal. Este primeiro número está composto por vinte páxinas, a maior parte delas dedicadas a noticias breves con imaxes sobre os proxectos xa realizados neste ano. As últimas follas da publicación recóllense baixo o epígrafe “Futuro en proxectos”, no que se recollen doce iniciativas inmediatas no Concello de Melide, como a instalación dunha rotonda no cruce de Santa María, a reforma integral do parque infantil do Multiusos ou a reforma do albergue de peregrinos.
A maiores do envío realizado xa a través do correo ordinario, todas as persoas que queiran facerse cun exemplar de O Cruceiro poden solicitalo na Casa do Concello, ou ben descargala á marxe dereita deste texto.