Concello de Melide

OS TRABALLOS DE PINTURA REMATARÁN O SÁBADO

A biblioteca municipal de Melide tínguese de cor co proxecto Bibliotecas ilustradas

04/02/2009

O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, visitou esta mañá a biblioteca para coñecer este proxecto que só se realiza en dez bibliotecas de toda Galicia.

O ilustrador Xosé Tomás, encargado do deseño do proxecto, é tamén a man que está creando un inmenso mural sobre a lectura nas instalacións da biblioteca.

O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, visitou esta mañá a biblioteca municipal Xosé Vázquez Pintor en compañía da alcaldesa de Melide, Socorro Cea, e a da concelleira de Cultura, Conchi Castro. O motivo desta visita foi coñecer de primeira man o proxecto Bibliotecas ilustradas que se está desenvolvendo na biblioteca municipal de Melide. Trátase dunha actuación dirixida pola Consellería de Cultura e Deporte, que seleccionou a dez bibliotecas municipais de todo Galicia para levar a cabo un traballo de ilustración nestas instalacións. O director xeral, Luís Bará, referiuse a este proxecto como “un xeito de facer máis divertidas, acolledoras e atractivas as bibliotecas municipais”. 

A través dun catálogo de ilustradores ofertado pola Consellería de Cultura, cada concello seleccionado –entre eles Melide- solicitou a execución dun dos proxectos de ilustración propostos. O Concello de Melide decantouse polo traballo do afamado ilustrador Xosé Tomás, cuxos traballos xa estiveron expostos na sala de exposicións de Melide o pasado mes de xuño. A súa traxectoria como ilustrador gráfico estivo tamén ao alcance da man dos escolares melidenses a través de obradoiros de iniciación á ilustración que o propio artista impartiu nesta vila.

Unha alegoría ás lecturas

O proxecto de Xosé Tomás para ilustrar as instalacións da biblioteca de Melide xira derredor da importancia das lecturas na vida das persoas. Nun mural de 13 metros lineais e máis de catro metros de altura, o debuxante plasmou a vida dunha nena que aparece reflectida na súa infancia, na madurez e na senectude. No debuxo da súa vida, xunto a ela, debuxou a numerosos personaxes da literatura galega e universal, “como metáfora dunha vida arrolada polas lecturas, na que os personaxes e as vivencias literarias se mesturan coa propia realidade”. 

Todos os personaxes literarios do collage está debuxados con tons azuis. Entre eles podemos atopar a Hamlet, Pinocho, Sherlock Holmes, Don Quijote, Moby Dick, escenas da Odisea, de Memorias dun neno labrego, de obras de Conrad, Dumas, Anderson ou dos irmáns Grimm. Como fío condutor desta mensaxe en imaxes, o ilustrador quixo destacar á nena protagonista das lecturas pintándoa de múltiples cores. Segundo explicou Xosé Tomás, “o formato deste mural crea a sensación de meterte nun libro, de que a arte te rodea”.

A execución deste proxecto de Bibliotecas ilustradas será asumido integramente pola Consellería de Cultura e Deporte. Na súa visita a Melide, o director xeral de Creación e Difusión Cultural felicitou á biblioteca municipal “pola súa constante actividade a prol do fomento da lectura, polo bo traballo desenvolvido tanto dente o Concello como dende a administración autonómica para dotar cada día de máis atractivos e mellores coleccións ás bibliotecas municipais”. Luís Bará lembrou que tamén nas últimas datas a biblioteca Xosé Vázquez Pintor foi recoñecida co premio María Moliner, que se entrega a nivel estatal, pola súa traxectoria de animación á lectura durante trinta anos consecutivos.


© 2008 Concello de Melide